Que é Gaia Ecocrianza?
Somos unha tenda especializada en produtos para bebés. Aínda que Gaia encerra unha filosofía moi potente, que ten que ver con acompañar á maternidade, á crianza, ás necesidades reais de nenos e nenas. E é que moitas veces as tendas de puericultura tenden a esquecer cales son as necesidades fisiolóxicas, biolóxicas de nenos e de nenas. Este é o noso papel: acompañar ás nais, aos pais, pero sempre coa mirada moi posta nas necesidades dos nenos e das nenas.
Isto tradúcese, por exemplo, en que na tenda non temos carriños, senón portabebés para que os nenos e nenas poidan ir no colo; promovemos o movemento libre polo que todos os zapatos que ofrecemos son súper brandiños para acompañar o seu gateo e os primeiros pasos. E tamén na importancia do xogo como motor de aprendizaxe, propoñemos xoguetes que non marcan o xogo, senón que é o neno o que decide como quere xogar con eses materiais.
Aparentemente somos unha tendiña, e sómolo, pero realmente detrás hai toda unha filosofía de maternidade e crianza.
Como nace este proxecto?
Nace da necesidade imperiosa de conciliar das mulleres que somos parte da cooperativa, de seguir traballando, de desenvolvernos profesionalmente en tarefas que nos removían. Pero sobre todo, para poder seguir acompañando aos nosos nenos e nenas que naquel momento eran súper pequeniños. Non é que os nosos traballos nos expulsaran, poderiamos ter seguido traballando e criando doutra forma, pero nos queriamos criar estando moi presente na vida dos nosos nenos e nenas e nun traballo que nos removera un pouco, que tivera que ver con nós.
O importante era traballar en algo que nos motivara, que tivera que ver con nós, e seguir presentes na vida dos nosos nenos e nenas dunha forma activa. Eles son a prioridade e ségueno sendo. Levamos aquí oito anos, non son bebés, pero seguen sendo o motor arredor do que xira todo. E despois estaba a necesidade trasladar esta filosofía de cultura da infancia, de que non perdamos a perspectiva de cales son as necesidades reais dos nenos e das nenas, que son moi sinxelas, moito máis fácil de cubrir do que realmente pensamos, porque necesitan moi pouco, pero o que máis necesitan é o que menos temos: tempo e presenza.
Gaia naceu da necesidade de conciliar, pero conciliar de verdade, con maiúsculas.
A idea foi sempre emprender baixo a fórmula cooperativa?
Era a forma, realmente non valoramos outra porque tiñamos moi claro que nós eramos o primeiro, as persoas, e os equilibrios dentro da empresa eran moi importantes. As decisións tómanse despois de falar moito, de meditar moito, de discutir desde o coidado, e tiñamos moi claro que a nosa forma de constituírnos ía ser a cooperativa. A través disto tamén contamos a nosa forma de estar no mundo; nós queriamos ser unha cooperativa.
Contastes co apoio de entidades, administracións especializadas en cooperativismo ao longo do proceso de constitución e consolidación?
Si, e foi imprescindible. Ademais, para a constitución con éxito da cooperativa contamos coa Rede Eusumo, que xogou un papel fundamental porque che xorden moitas dúbidas e os trámites son complicados. Ter a xente profesional, que se dedica ao mundo do cooperativismo, para nós foi fundamental. Tería sido moitísimo máis complicado se non tiveramos contado coa axuda da Rede Eusumo, sen dúbida.
É o cooperativismo unha ferramenta de apoderamento para as emprendedoras?
Para nós foino porque aquí atopamos tamén un refuxio. Creo que esa primeira parte de atopar con quen ás veces é moi difícil, xa que aí xogan moitas enerxías, o momento vital no que estás, e é moi importante que estea todo moi acompasado. No noso caso e no de moitísimas cooperativas do noso arredor, estas foron creadas e están conformadas por mulleres.
Creo que será o caso da maioría das mulleres ou non, non o sei, pero o certo é que o mercado nos expulsa cando somos nais. O mercado obríganos a repensar moitas cousas porque as nosas necesidades cambian e van estar ligadas ás necesidades dos nosos fillos e fillas. Nós sentímonos moi afortunadas porque emprendemos, moitas veces, en precario, emprendemos a costa doutras cousas, e ás veces non é fácil sacar a cabeza. O que pasa é que no caso de Gaia, o feito de equilibrar a parte do traballo asalariado e a parte dos tempos a dedicar á crianza era outra forma de “cobrar”. Os primeiros anos foron máis complicados, con salarios moito máis cativos, pero a nosa finalidade si que era ter un traballo digno, tamén, así con maiúsculas; dispor de tempo cando necesitemos para a vida familiar ou se un dos nosos peques se pon maliño e non pode ir ao cole, non ter que dar explicacións porque entendemos que isto é a vida e que a vida pasa polos coidados, e se non podemos traballar na tenda ese día, imos aportar doutras moitas formas á cooperativa.
Para nós foi, sen dúbida, unha ferramenta empoderadora polo feito, tamén, de encontrar compañeiras no camiño coas que compartir o momento vital no que estamos.
A crianza ten moito de cooperativo, non é?
A crianza teno todo de cooperativo e, ás veces, a sociedade fainos crer que a crianza ten que pertencer ao ámbito do privado, que si, pero é que sen un enlace social que favoreza esa crianza é moi difícil criar. Oxalá puideramos criar como nos criaron a nós ou como se criaron nosos pais, con todos os matices do mundo, pero en comunidade. Na aldea, rodeamos de avós, de tíos, de veciños que podían quedar contigo, iso é algo que perdemos.
Entón, a crianza convértese en algo moi solitario, maternar convértese en algo moi solitario; as nais sentímonos moi soas porque temos que transitar a maternidade tamén dunha forma individual, hai unha transformación que vai parella á maternidade e por moi ben acompañada que esteas, aínda tendo un compañeiro, unha compañeira que te acompañe moi ben, a tribo é moi necesaria. E nós viámolo aquí, na Gaia, cando tiñamos a zona de actividades. Ter un punto de encontro de mulleres nais coas súas crianzas que, ao mellor fóra da crianza non compartían moitas cousas, nin traballos, nin formas de entender a vida, e ver as redes que se tecían nesas salas a través das súas crianzas e como traspasaban as nosas paredes, para nós era moi importante. É un dos valores grandes da Gaia: ser un punto de encontro, que sempre foi o que pretendemos, para as familias con bebés. É imprescindible criar en tribo e de forma cooperativa.
Que metas se marca Gaia para os vindeiros 5 anos?
Hai unha parte do equilibrio, de ter un traballo digno, que é imprescindible, e incorporar novas socias estaría moi ben e entra nos nosos plans máis inmediatos. Despois, si que nos gustaría moitísimo recuperar a sala de actividades. Gaia naceu como tenda, como espazo físico de venda de produtos, pero tamén como sala de actividades dirixidas a mulleres embarazadas, mulleres no posparto e tamén para bebés, para nenos e nenas de 0 a 3 anos, coa finalidade de que eles mesmos nos demostren como necesitan moverse, xogar.
Para nós, está a curto, medio prazo, poder recuperar este espazo de actividades. Sería unha alegría poder facelo, para nós porque nos carga de enerxía, e tamén para as familias con bebés, así que estamos traballando para conseguilo.